O estadio vigués acolleu o acto de sinatura có que se refrenda o proxecto de remodelación integral
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, en presencia do presidente celeste Carlos Mouriño, consello de administración do Celta, concelleiros e deputados provinciais, selaron esta mañá o convenio para a reforma integral do estadio de Balaídos, un acordo histórico entre ambas as institucións para converter o campo vigués nun propio do século XXI.
Concello e Deputación achegarán 5 millóns de euros cada un que se destinarán ás reformas de Río e Tribuna, mentres que para os fondos do estadio o obxectivo é implicar a outros organismos no financiamento como Zona Franca no caso da bancada de Marcador. O orzamento total do proxecto fixouse en 29,5 millóns e o obxectivo é que o novo Balaídos estea plenamente operativo na tempada 2017/18.
Este convenio garante a reforma integral do estadio, na que tamén participa o RC Celta coa construción da nova bancada de Preferencia, terminada no prazo anunciado. Un dos maiores anhelos do celtismo, a remodelación de Balaídos, é xa unha realidade grazas ao esforzo do club, as institucións e da familia celeste ao completo. Coa unión de todos e o incansable empuxe da afección o Celta continúa construíndo un ilusionante proxecto de presente e futuro: #CrecemosXuntos.