O RC Celta arrincará nas próximas semanas a fase II do proxecto Cidade Deportiva Afouteza-GS360, un complexo multifuncional que permitirá aos mozos deportistas completar a súa formación nunha contorna de alto rendemento. Un ambicioso proxecto cun claro obxectivo: fortalecer A Canteira do RC Celta e posicionar ao club como un referente na formación académica e deportiva a nivel internacional.
Un complexo que contempla un mini estadio, 5 novos campos de adestramento para os equipos xuvenís e cadetes de RC Celta e As Celtas, o Centro de Formación, onde se impartirán ciclos universitarios e de FP en materias relacionadas coa saúde e o deporte, unha residencia para os xogadores da canteira e de Academys e para estudantes, unha zona de restauración para dar servizo ao complexo e un hotel para visitantes, deportistas e participantes nos eventos de carácter académico, cultural e social que se organicen. A infraestrutura culminará con dúas zonas dedicadas a clínica deportiva e innovación no deporte.
Cidade Deportiva Afouteza GS-360 abarca diferentes liñas mestras: laboratorios de investigación, cultura, lecer, turismo deportivo, medicina deportiva, instalacións para a práctica de todos os deportes etc. Unha firme aposta en beneficio do deporte galego para capitalizar o enorme traballo que fan as federacións e clubs deportivos de forma individual.