O club anima a xestionar o carné canto antes para aproveitar as condicións promocionais
O 30 de xuño aproxímase, data límite para aproveitar as vantaxes especiais da Campaña de Abonados: unha rebaixa do 5% sobre o prezo final nas renovacións, acumulable a outros descontos ata un máximo do 15%, e exención de suplementos ao longo da tempada tanto para renovacións como para novas altas naqueles partidos designados como ‘Días do Club’. O Celta anima a todos os afeccionados a tramitar o seu carné canto antes para poder beneficiarse destas condicións promocionais e á vez evitar as aglomeracións propias dos últimos días.
Todas as xestións poden realizarse nos renovados despachos de billetes do estadio de Balaídos de luns a venres en horario ininterrompido de 09:00h a 20:00h ou a través da web www.celtavigo.org/abonosCelta que, operativa as 24 horas do día de luns a domingo, é a forma máis cómoda para realizar a renovación ou alta do abono.
A 2015/2016 preséntase como unha das campañas máis emocionantes dos últimos anos. A celebración dos 50 anos do RC Celta en Primeira División chega nun momento no que o club vigués vive unha intensa fase de crecemento tanto no deportivo como no social, cunha serie de sólidos proxectos que auguran un futuro realmente ilusionante para toda a familia celtista.