Galicia Sportech Congress arrinca a súa segunda edición con máis de 60 relatores de empresas líderes en transformación dixital, entidades como Amazon ou Teléfonica, Clubs de fútbol, deportistas de elite como Antonio Serrat e Federacións de diferentes disciplinas.
O congreso, que mantén un formato híbrido, deu o pistoletazo de saída o luns 13 reunindo nunha mesma plataforma aos hubs internacionais europeos como o London Sports e latinoamericanos, como o Area Hub.
Hoxe martes 14 tivo lugar en Pontevedra a súa inauguración oficial con dúas invitadas de excepción: Marian Mouriño, CEO de GS360 e Teresa Portela, subcampioa olímpica en piragüismo, que debateron sobre os retos que debe abordar o deporte e a importancia de utilizar a innovación como vehículo para afrontalos.
Galicia Sports 360 nace despois de tres anos verificando desde CeltaLab1923 a importancia de sumarse e entender os retos da economía dixital. “Hoxe en día a industria do deporte móvese en base ao dato. A clave desta tendencia non é dispoñer do maior número de datos, senón saber interpretalos para tomar as mellores decisións que fortalezan e dean músculo a todo o deporte galego” afirma Marian Mouriño.
Respecto a este tema Teresa Portela comentou a importancia dos avances tecnolóxicos nos adestramentos e competición de alto nivel. “Cando o que buscas é mellorar milésimas necesitas moito máis, e as mínimas diferenzas pódense lograr grazas á tecnoloxía. Os datos que obtés tamén son importantes para interiorizalos e pódenche axudar a mellorar, así como no meu caso o vídeo análise, que che permite coñecerte máis a ti mesmo”
“A transformación dixital que estamos a vivir no sector axúdanos a mellorar o noso rendemento, grazas a pautas estables en nutrición en base á medición de masa muscular” engadiu a medallista olímpica.
Para Galicia Sports 360 a medicina deportiva e a saúde preventiva é un piar fundamental do proxecto. Marian Mouriño confirma que “especialidades como a nutrición, a cardioloxía e a fisioterapia terán un oco destacado nas instalacións previstas para o complexo de Mos, á que se sumará un laboratorio de investigación”