ESCUDO-1300x400-02
Centenario

Conservas Daporta súmase á campaña solidaria ‘100 Anos – 100 Toneladas’ cunha importante doazón

RC Celta

A empresa galega Conservas Daporta sumouse hoxe á campaña ‘100 Anos – 100 Toneladas’ cunha importante e meritoria doazón para esta iniciativa solidaria organizada, con motivo da celebración do Centenario do RC Celta, pola Fundación Celta e o Banco de Alimentos de Vigo.

A histórica firma de Cambados achega máis de 500 quilos de conservas de gran calidade a unha campaña que arrincou a finais do pasado mes de xaneiro co enorme reto de reunir ao longo do presente ano 100 toneladas de alimentos non perecedoiros.

O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, o vicepresidente do Banco de Alimentos, Polo Qiunteiro, e o director da Fundación Celta, Germán Arteta, entre outros, recibiron na sede da ONG viguesa ao xerente da firma galega, Alejandro Daporta A conserveira fixo entrega de máis de medio milleiro de quilos de conservas de polbo, sardinillas, agullas e luriñas en aceite de oliva, todas elas coa enorme calidade que caracteriza a esta firma fundada en Cambados no ano 1939.

Os que queiran colaborar con esta iniciativa solidaria, poden depositar alimentos non perecedoiros nos puntos habilitados para iso nas tendas oficiais do club en A Sede e en Abanca Balaídos de luns a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas e os domingos de partido na situada no estadio celeste.

Ademais, o club habiltou unha liña telefónica exclusiva para aquelas empresas que desexen participar. Poden chamar ao número de teléfono 666 533 366 de 10.00 a 14:00 horas. As doazóns poderán facelas no Banco de Alimentos, na Avenida de Alcalde Lavadores 102, ou solicitar que sexan recollidas na propia empresa polo Banco de Alimentos.

Na actualidade, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo atende a unhas 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade e chega a elas a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballa na provincia de Pontevedra. Antes do estalido da pandemia de 2020, unhas 15.000 persoas recibían axuda, pero a crise sanitaria e o contexto económico provocaron o incremento duns 5.000 beneficiarios máis.

RC Celta

Etiquetas

Centenario

Noticias recomendadas