Michel Salgado, canteirán celeste e lenda do fútbol español, foi nomeado polo RC Celta Embaixador do seu Centenario como recoñecemento ao seu incansable labor para a difusión dos valores e historia do club por todo o mundo. O ex defensa céltico únese a Eusebio Sacristán, homenaxeado semanas atrás como Embaixador do Centenario celeste.
Michel Salgado, foi unha das grandes figuras da canteira celeste dos anos 90. Chegou ao primeiro equipo en 1992 e defendeu a camiseta céltica na elite durante catro tempadas. Durante esta etapa demostrou a súa gran calidade e gañouse o respecto e o agarimo da afección. Disputou un total de 112 partidos e anotou 3 goles, sendo un xogador clave na consecución de importantes vitorias que contribuíron ao retorno do equipo a competición europea.
“O Celta é un club moi especial para min, foi na Madroa onde comezou a miña carreira, recordo con enorme agarimo esas catro tempadas. Durante todos estes anos sempre levei ao Celta no meu corazón e estou moi feliz de poder estar preto do club como Embaixador do Centenario”, declarou Michel Salgado.
Na súa nova función como Embaixador do Centenario do RC Celta, Michel Salgado promocionará a historia e valores do club en todo o mundo. “Ser Embaixador do Centenario do RC Celta é unha gran honra para min. Espero poder contribuír a levar o nome do club todo o máis alto e a celebrar un aniversario tan importante para unha institución que ocupa un lugar moi especial no meu corazón”, afirmou Salgado.
O presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, destacou a importancia do nomeamento de Michel Salgado como Embaixador do Centenario: “Michel é un xogador de lenda e un gran embaixador do fútbol español. A súa experiencia e o seu carisma serán unha gran contribución para o Celta neste ano tan especial para o club. Estamos seguros de que axudará a difundir a grandeza da nosa institución e a levala ao máis alto”.
O Real Club Celta está a celebrar o seu centenario neste ano 2023 e confía en que Michel Salgado, como Embaixador deste acontecemento único, convértase unha peza crave na promoción do club e na difusión do seu legado histórico e deportivo.