Tan só un mes despois do lanzamento do Carné Celtista, España tínguese de celeste por completo. Polo menos unha persoa de cada unha das comunidades autónomas da xeografía española uniuse á gran familia do RC Celta.
Todo un éxito ao que se sumaron máis de 3150 celtistas nos últimos 30 días e que demostran que este sentimento celeste non ten límites. Por comunidades autónomas, evidentemente, en primeira posición está Galicia seguida por Madrid, Barcelona, Castela e León e as Illas Baleares. Unha paixón que está presente en toda España pero que tamén percorre o mundo enteiro. A nivel internacional lideran o ranking Suíza, Alemaña, Portugal e Reino Unido. Destacan, ademais, as altas que se produciron desde Nova Zelandia. Sexa onde sexa, mesmo alén do planeta, sempre haberá un corazón celeste decidido a vibrar por este club, por estas cores, por este escudo.
Baixo o lema «Herdeiros», o Carné Celtista permite que aqueles que desexan formar parte da familia celeste, pero que, por diferentes motivos non poden asistir regularmente aos partidos, poidan posuír o seu carné e gozar das mesmas vantaxes que un abonado convencional, excepto a butaca no estadio Abanca Balaídos. A súa solicitude pode realizarse a través do portal celtista na web ou nos despachos de billetes de Abanca Balaídos, ata final de tempada.
O RC Celta quere agradecer a inmensa acollida que está a ter esta campaña e mostrar o seu orgullo por esta incrible familia celeste que percorre o mundo enteiro.
Grazas, afección!