O Real Club Celta e Citroën continuarán durante a próxima tempada unha relación histórica no fútbol español que se prolonga desde hai xa 31 anos. O presidente do RC celta, Carlos Mouriño, e o director de PSA Peugeot-Citroën en Vigo, Yann Martin, mantiveron esta tarde unha reunión na sede social celeste para pechar un acordo que garante a continuidade da relación entre ambas as entidades mediante unha transformación do patrocinio.
Carlos Mouriño e Yann Martin anunciaron que a firma automobilística patrocinará desde a próxima tempada á Fundación Celta de Vigo. O presidente celeste destacou que “Citroën e o Celta, dúas iconas desta cidade, levan xuntos 31 anos e creo que temos que darlle importancia a ese feito con actos como este”.
“É unha enorme satisfacción que, no marco dunha política de grupo, Citroën non nos patrocine como patrocinador principal, pero que non nos abandona. Iso é o máis importante para nós, non nos abandonan, involúcranse connosco nun gran proxecto, o do fútbol basee, os nenos, as escolas”, engadiu.
Carlos Mouriño indicou que aínda “non podemos adiantar nada do novo patrocinador, pero se recoñecerlle a Citroën que estivese connosco nos momentos máis complicados e difíciles. O valor do Celta multiplicouse e que nos faciliten ter unha mellora con respecto ao seu patrocinio é moi importante”.
Yann Martin comentou que “de acordo cos valores que temos a nivel grupo, imos transformar o patrocinio, que non é deixar, é seguir, para apoiar á Fundación Celta, porque é moi importante apoiar aos nenos e mozos para que practiquen deportes”.