deporte_celta
O Club

O Celta, recoñecido polo seu compromiso coa accesibilidade nas súas infraestruturas

RC Celta

O Celta recibiu unha mención especial nos Premios AIS, un recoñecemento vinculado ao sistema internacional AIS de certificación de accesibilidade, desenvolvido pola Fundación ARS. Este sistema avalía e acredita de maneira obxectiva as condicións de accesibilidade de edificios, espazos, servizos e produtos, establecendo ata cinco niveis de excelencia. A distinción ao Celta, recollida por Carlos Cao, director de Infraestruturas do club, pon en valor o seu compromiso e o traballo desenvolvido pola entidade para avanzar cara a unhas infraestruturas cada vez máis accesibles e inclusivas.

Esta aposta pola accesibilidade desenvólvese de maneira transversal en diferentes ámbitos da actividade do club, desde a súa área social e a tenda oficial ata as zonas de restauración e food & beverage do estadio ABANCA Balaídos, co obxectivo de mellorar a experiencia de todas as persoas que forman parte da familia celeste.

No ámbito das infraestruturas, destacan tamén as melloras incorporadas nos accesos, nos percorridos e na sinalización das novas Gradas de Gol e Marcador, así como os criterios de accesibilidade contemplados no deseño da futura bancada de Tribuna. Trátase dun proxecto que se executará co obxectivo de que Balaídos poida acoller partidos da Copa Mundial da FIFA 2030 e que integra a accesibilidade como un dos seus principios fundamentais desde a súa concepción.

Ademais, o club atópase actualmente en proceso de certificación AIS de accesibilidade tanto de Celta360 como do propio ABANCA Balaídos. Este último aspira a converterse no primeiro estadio de fútbol en iniciar este proceso de certificación, un paso significativo na vontade do Celta de situar a accesibilidade universal como un dos eixes fundamentais na transformación e modernización dos seus espazos.

A mención especial dos Premios AIS supón un recoñecemento ao camiño percorrido e ao esforzo realizado polo club, pero tamén un impulso para seguir avanzando. O Celta reafirma así o seu compromiso cun modelo de club cada vez máis aberto, inclusivo e accesible, no que todas as persoas poidan gozar do Celta e das súas instalacións nas mellores condicións.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas