O Celta estivo presente este martes no acto de lanzamento da Rede de Cidades LALIGA, unha iniciativa promovida por LALIGA e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que ten como obxectivo impulsar accións conxuntas fronte á violencia, o racismo e calquera forma de discriminación no deporte.
O club celeste acudiu en representación das entidades de LALIGA, coa participación do seu conselleiro Antón Álvarez, poñendo de manifesto “a implicación do Celta na defensa dos valores de respecto, igualdade e inclusión dentro e fóra do fútbol”.

Durante a presentación, celebrada na sede da FEMP, a súa presidenta, María José García-Pelayo, incidiu na necesidade de promover unha resposta firme fronte aos discursos de odio, destacando o papel do deporte como ferramenta de cohesión social. Na mesma liña, o presidente de LALIGA, Javier Tebas, valorou esta alianza como un paso decisivo para coordinar esforzos e avanzar cara a contornos deportivos máis seguros e respectuosos.
O acto contou tamén coa intervención do presidente do Senado, Pedro Rollán, quen apelou á capacidade transformadora das institucións e da cidadanía para erradicar comportamentos inapropiados e fomentar unha cultura deportiva baseada no respecto.
Esta rede nace con vocación de colaboración entre administracións locais, organismos públicos e o fútbol profesional, integrando na súa posta en marcha a 36 cidades vinculadas a clubs de LALIGA EA SPORTS e LALIGA HYPERMOTION. A elas súmase a FEMP como entidade representativa do conxunto de municipios adheridos.