O RC Celta e elPulpo asinaron un acordo de colaboración que posiciona á marca galega de téxtil como a firma oficial de sastrería e roupa lifestyle do club. Unha alianza que terá unha duración de 2 tempadas, e inclúe os traxes de sastrería e a roupa casual de viaxe para os xogadores do primeiro equipo, staff técnico e directivos.
Estes traxes exclusivos, confeccionados cos máis altos estándares de calidade e materias primas e tecidos innovadores, personalizaranse con detalles que reflicten as orixes e a identidade do club. Uns deseños exclusivos que se poñerán á venda de maneira conxunta tanto nas tendas oficiais do club como da propia marca.
O RC Celta móstrase moi ilusionado de selar esta alianza cunha marca referente no téxtil español e que está directamente conectada con Galicia e, como tal, leva impregnado o espírito da nosa terra e das nosas orixes. Un acordo que representa o forte compromiso do club e de elPulpo coas raíces galegas, reflectindo, ademais, os valores de sustentabilidade e respecto ao medioambiente que ambas as marcas comparten.