Quinocho 1
O Club

RC Celta – Olympique de Lyon: os abonados deberán retirar unha entrada para este apaixonante Memorial Quinocho

RC Celta

O Memorial Quinocho, trofeo de gran significado e valor sentimental para o celtismo, regresa cunha gran expectación a Abanca Balaídos nesta ilusionante tempada do Centenario. O RC Celta de Rafa Benítez estrearase ante a súa afección o sábado 29 de xullo ás 20:00 horas fronte un equipo de primeiro nivel, o Olympique de Lyon, na vixésima sétima edición do torneo.

Será o terceiro encontro de pretemporada para os celestes, tras o seu stage no Algarve, onde se incorporaron dous xogadores, Bamba e Dotor, que se suman a Carles Pérez e Manu Sánchez na lista de fichaxes desta campaña do Centenario.

Os abonados poderán acudir gratuitamente previo troco dunha entrada.

O acceso ao encontro será gratuíto para os abonados do club con carné da tempada 2023/24. Con todo, para poder controlar de maneira adecuada e eficiente o aforo e para evitar incomodidades a todos os que non recibisen o seu carné antes do partido, o abonado deberá retirar previamente unha invitación no portal de abonados para calquera das zonas dispoñibles. O club irá habilitando novas bancadas a medida que se vaia cubrindo o aforo. Por tanto, o carné de abonado non será válido para entrar a este partido.

Os socios terán prioridade para poder retirar a súa entrada no portal de abonados ata o vindeiro luns 24 de xullo ás 12:00 horas, antes de que saian á venda para o público en xeral, aínda que posteriormente poderán seguir retirando a súa entrada. O club recomenda aos abonados que fagan esta xestión neste período no que terán prioridade para elixir as mellores localidades dispoñibles.

Todas as entradas son numeradas e, por tanto, levan asignada unha butaca concreta do estadio. Todos os celtistas que teñan entrada (abonados e non abonados) deberán ocupar o asento que lles fora asignado.

A partir do luns 24 ás 12:00 horas poñeranse á venda as entradas para o público xeral, que poderá adquirir billetes dende só 10€ a través da nosa páxina web.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas