Balaídos estreou este luns nova lona con protagonismo para o celtismo, unha vez máis, inmenso
O estadio de Balaídos estreou onte á noite unha nova lona nun partido de gran interese e dificultade ante un rival situado na zona alta da táboa. Afouteza, corazón, un equipo comprometido ao máximo e unha afección envorcada e exemplar foron os ingredientes que puxo o Real Club Celta no seu gran encontro ante o Athletic Club. O apoio da bancada foi, unha vez máis, fundamental e, malia a hora tardía, a pesar do día, un luns, e do mal tempo, o estadio vigués rexistrou un ambiente extraordinario. Unha vez máis, o celtismo deu exemplo de fidelidade e paixón e impulsou ao equipo cando máis o necesitaba para finalmente sumar un valioso punto tras unha gran exhibición de fútbol e entrega.