silabario a sede michelin
O Club

Espectacular recoñecemento para Silabario: o restaurante da Sede recibe unha Estrela Michelín

RC Celta

Un premio á constancia, o bo traballo e a autenticidade. O Restaurante Silabario, dirixido polo chef galego Alberto Prelcic e que se sitúa na última planta da Sede, o edificio social do RC Celta, foi galardoado o pasado luns na Gala Guía Michelín 2021 cunha Estrela Michelín, un dos maiores recoñecementos internacionais no mundo da restauración.

Esta é a primeira vez que Silabario obtén este premio desde que estreou a súa nova etapa na Sede, un logro conseguido tras un arduo e excelente traballo por parte do chef galego e todo o seu equipo nos dous anos que o establecemento leva funcionando no edificio céltico. Este recoñecemento á excelencia chega, ademais, apenas uns meses despois de recoller outro importante galardón, o Sol da Guía Repsol, que premia ao mellores restaurante do panorama nacional.

O RC Celta felicita, con especial agarimo e orgullo, a Alberto e a todo o seu equipo pola consecución da Estrela Michelín, ademais de agradecer o apoio que o proxecto recibiu desde o primeiro día por parte de Estrella Galicia, un socio crave nos proxectos de hostalaría do Grupo RC Celta e que tamén forma parte deste gran logro.

Os éxitos recentes de Silabario supoñen un achegue de motivación extra para todos os implicados no proxecto nun dos momentos máis delicados para o sector, en plena pandemia pola Covid-19. O restaurante continúa traballando para reabrir en próximas datas, sempre cumprindo coas normativas e medidas de hixiene e seguridade.

 

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas