Hemeroteca club

Este luns en Balaídos: “90 anos xuntos”

RC Celta

90_anos_xuntos.jpg

O Celta inicia a tempada ante o Espanyol con novos actos conmemorativos do aniversario do club

O vindeiro luns, o Estadio de Balaídos vivirá unha xornada moi especial para o celtismo. Será escenario do primeiro partido da tempada 2013/2014, co Espanyol como visitante, e de diversos actos conmemorativos do 90 aniversario do club para os que será clave a participación de abonados e afeccionados. O club anímalles a que acudan ás 21.30, media hora antes do comezo do encontro, para participar nestes actos, entre eles a presentación das categorías inferiores e o despregamento dun espectacular mosaico coa lenda: “90 anos xuntos”. Haberá ademais varias sorpresas.

O Real Club Celta celebrará este luns antes do comezo do primeiro encontro da tempada novos actos conmemorativos do 90 aniversario do club, que terá lugar o día 23 do presente mes de agosto.

 

O club anima a abonados e afeccionados a que enchan o estadio para participar nos actos programados co fin de posibilitar o seu correcto desenvolvemento e potenciar a súa vistosidade, e, por suposto, para arroupar ao equipo no seu debut en Liga ante o Espanyol.

 

Ás 21.30 horas, comezarán estes actos coa presentación dos equipos que integran as categorías inferiores do club, o futuro dunha entidade envorcada na potenciación e desenvolvemento da súa canteira.

 

Xusto antes de comezar o choque, os afeccionados levantarán as cartolinas depositadas nos seus asentos para despregar un enorme mosaico en todo o estadio coa lenda “90 anos xuntos”. Tamén haberá sobre o céspede bandeiras xigantes con motivos alusivos á celebración do 90 aniversario do Real Club Celta.

 

Retomaranse ademais as iniciativas iniciadas a pasada tempada polo club para que os afeccionados canten o himno a “capella” e coreen os nomes dos xogadores celestes no momento no que se facilite a aliñación pola nova megafonía de Balaídos.

 

Estes actos completaranse con algunhas sorpresas para redondear unha gran festa no inicio dunha ilusionante tempada.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca club

Noticias recomendadas