Xmas RRSS 16-9
Celtismo

Grazas, 2025. Benvido, 2026.

RC Celta

Hai anos que non se esquecen. Anos que non se explican con números nin con clasificacións, senón con sensacións. O 2025 foi un deses. Un ano para gardar na memoria e no corazón de todos os que sentimos este escudo como parte da nosa vida.

Porque se pechamos os ollos, seguro que a moitos se nos vén á cabeza a mesma imaxe, esa mesma sensación. Última xornada de Laliga. O Coliseum tinguido de celeste. Miles de celtistas lonxe de casa, pero como na casa. O balón viaxa das botas de Williot ao segundo pau e alí aparece el, Iago Aspas, para empuxala dentro e desatalo todo. Un gol que escribía unha páxina máis na historia deste club. Un gol que arrincaba unha espiña cravada oito anos atrás. Un gol que non só valía unha clasificación europea, senón que resumía o que somos. Un gol que é pura emoción.

Ese instante foi o final perfecto a unha tempada cunha idea clara, traballada con paciencia e convicción. Unha idea que non se entende só desde o céspede. Enténdese desde a identidade. Desde un proxecto da casa que seguiu botando raíces, coa canteira gañando protagonismo e cun equipo que nunca perdeu a conexión coa súa xente. Abanca Balaídos volveu ser ese lugar onde as emocións flúen, onde todos empuxamos a unha e onde cada xornada a nosa casa convertíase nun auténtico fortín.

Un fortín construído coa calor dunha afección que nunca falla e á que non hai palabras suficientes para agradecerlle tanto agarimo. Este ano alcanzamos unha cifra histórica: 40.000 celtistas repartidos por todo o mundo que sumamos coa chegada do pequeno Roi, que con apenas unhas horas de vida xa levaba o celeste no corazón, lembrándonos que hai paixóns que se herdan e que se transmiten sen necesidade de explicalas.

O 2025 tamén quedará marcado na nosa memoria polo vivido con As Celtas. Na súa primeira tempada, lograron dous ascensos e asinaron un ano histórico, confirmando que aquel proxecto que naceu desde a ilusión xa é toda unha realidade. Unha realidade que abre portas e crea referentes para centos de nenas e mozas que soñan con defender este escudo coa forza de Ana Toubes ou de calquera das xogadoras que cada día escriben unha páxina máis na nosa historia.

Oportunidades que crecen tamén máis aló das nosas fronteiras mediante as escolas inauguradas en Senegal, onde o fútbol convértese nunha ferramenta de transformación social capaz de brindar unha nova vida para que centos de nenos e mozos poidan desenvolver as súas habilidades deportivas nunha contorna segura.

Un ano que tamén foi símbolo de crecemento para o club co inicio das obras de Celta360 que aos poucos xa emerxen da terra de Afouteza e que situarán á entidade celeste no epicentro do deporte non só en Galicia senón a nivel europeo. Un proxecto que avanza con paso firme e que foi recoñecido coa prestixiosa certificación BREEAM Urbanismo, que converteu ao Celta no primeiro club do mundo en conseguir esta distinción.

Foron doce meses intensos. Doce meses cheos de momentos difíciles de resumir en tan só unhas liñas. Pero se algo nos deixa este ano é a certeza de que o mellor de todo foi vivilo xuntos. Compartir unha paixón que ás veces nos fai rir e outras nos fai sufrir, si, pero que sempre nos mantén unidos. Con afouteza, con corazón e co orgullo de pertencer a algo que vai moito máis alá.

Agora só queda dar as grazas. Grazas ao 2025 por todo o vivido. E ao 2026 pedirlle saúde para todos, felicidade e moitos máis momentos para seguir camiñando xuntos, como o que somos: unha gran familia celeste.

Grazas por estar aí, Feliz Aninovo e Sempre, Sempre Celta!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas