O próximo partido en Abanca Balaídos quedará marcado no calendario celtista para sempre. Á despedida da Bancada de Gol sumarase a homenaxe a un exxogador do RC Celta que colgou as botas a inicios deste mes de febreiro, Álex López. Con 172 partidos e 18 goles defendendo a camiseta celeste, Álex é e será un símbolo de loita e alma celtista; por iso, e en recoñecemento á súa entrega e á pegada que deixou na historia do club e do fútbol, o Celta renderalle unha merecida homenaxe na previa do encontro contra o CA Osasuna deste venres.
Durante este emotivo acto, Sergio Álvarez, conselleiro do club, entregará a Álex López unha camiseta conmemorativa, un xesto que subliña o seu legado e o agarimo que o celtismo sente por el.
Ademais, Álex será o encargado de entregar o XIV Trofeo Manuel de Castro “Hándicap” by Estrela Galicia 2024, un premio que distingue ao mellor xogador do ano. Nesta edición, o galardoado foi Iago Aspas, quen recibirá o trofeo das mans de quen se converteu no primeiro gañador da historia do mesmo, Álex López. Un momento cheo de simbolismo para o club e a afección.
O RC Celta quere felicitar a Álex López pola súa brillante carreira e desexarlle todo o éxito nesta nova etapa da súa vida.
Grazas, Álex!