O Celta e JP Financial reforzan a súa alianza estratéxica. A consultora española especializada en investimento e planificación financeira fortalece o seu compromiso co club ao converterse en patrocinador oficial da manga da camiseta do primeiro equipo. O acordo, vixente ata 2028, supón un salto cualitativo na relación entre ambas entidades.
A partir desta tempada, a marca de JP Financial estará presente na manga da camiseta oficial nos partidos de LALIGA EA SPORTS, a Copa do Rei e a UEFA Europa League, reforzando así a súa visibilidade na actividade diaria do equipo e tamén nos seus grandes retos deportivos. Ademais, JP Financial continuará presente na camiseta de quecemento durante esta tempada e en diversos soportes do estadio e instalacións, consolidando o seu papel como un dos patrocinadores oficiais do club.
Os fundadores de JP Financial, Javier Rumbo e Pedro Muñoz, destacaron que “o Celta representa valores como a seguridade, a transparencia e a proximidade coa súa afección, principios que tamén definen a nosa filosofía como empresa. Para nós é un orgullo seguir vencellados a un club con tanta proxección e fortalecer esta relación cunha presenza aínda máis destacada”. Pola súa banda, o director comercial do Celta, Carlos Salvador, subliñou que “contar co respaldo de compañías referentes no seu sector como JP é fundamental no noso proceso de crecemento. Este acordo reforza a nosa estrutura comercial nun momento clave, no que o club segue consolidando o seu proxecto deportivo, o seu posicionamento de marca e a súa expansión a nivel internacional”.
Con motivo desta renovación, JP Financial lanza a campaña “Inviste, Gaña e Recupera”, a través da cal poderás recuperar o teu abono da tempada 25/26. Quen realice un investimento coa firma poderá obter beneficios económicos e conseguir o reembolso total do custo do seu abono. Os detalles completos da campaña daranse a coñecer proximamente.
O Celta celebra o reforzo desta alianza cunha compañía de prestixio, coa que comparte valores fundamentais como o esforzo, o compromiso e a proximidade. Este novo paso potencia a estratexia do club de asociarse con marcas galegas e españolas con proxección internacional, unha liña que xa se viña desenvolvendo nos ámbitos deportivo e institucional e que agora tamén impulsa a área comercial.