ESCUDO-1300x400-02
Centenario

A canteira celeste empápase da arte do Museo do Mar con completas visitas guiadas

RC Celta

Os equipos da canteira do RC Celta gozan estes días dunha actividade cultural especialmente enriquecedora e gratificante, enmarcada na filosofía da Fundación Celta de formar, nas categorías inferiores celestes, persoas e non só xogadores. Os canteiráns están a vivir visitas guidas ás exposicións activas no Museo do Mar de Galicia, incluída, por suposto, a que alberga con motivo do Centenario do club: ‘100 anos de RC Celta: Gol e Arte”.

Unha decena de equipos da canteira celeste participaron nesta iniciativa que lles permitiu gozar das mostras permanentes do Museo do Mar, entre elas, ‘Camiños por mar a Compostela’, ‘25 Séculos de oceanografía’ ‘O cachalote de Sanxenxo. Historia dun varamento’, ‘O gabinete de curiosidades científicas’, ‘A conquista do mundo submarino’ ou ‘Barcos en miniatura’.

Os canteiráns mostraron un gran interese nestas exposicións e en especial na mostra ‘100 anos de RC Celta: Gol e Arte”, formada por unha trintena de obras, pertencentes aos fondos da Fundación Celta, de grandes pintores galegos como Laxeiro, Pedro Solveira, Antón Pulido, Xaime Quesada, Leopoldo Varela, Lodeiro ou Antonio Quesada, entre outros,

A gran acollida que esta exposición tivo desde a súa inauguración no Museo do Mar motivou a ampliación da mostra ata o día 19 de marzo co obxectivo de que cidadáns e afeccionados celestes poidan gozar desta exclusiva selección das obras.

A exposición permanecerá ata o 19 de marzo aberta ao público de martes a venres en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

RC Celta

Etiquetas

Centenario

Noticias recomendadas