
O Celta estivo presente este martes na sede de LALIGA con motivo do acto institucional de benvida aos clubs que lograron o ascenso a LALIGA EA SPORTS e LALIGA HYPERMOTION ao remate da tempada 2025/26.
O Celta Fortuna, que competirá esta tempada en LALIGA HYPERMOTION, estivo representado por Carlos Cao, director de Relacións Institucionais do Celta, nun encontro presidido por Javier Tebas que serviu para dar a benvida ás entidades que se incorporan ás competicións profesionais do fútbol español e recoñecer o esforzo realizado durante a pasada campaña.

Durante a súa intervención, Javier Tebas felicitou os clubs polos seus respectivos ascensos, poñendo en valor o traballo realizado por xogadores, corpos técnicos, empregados e afeccións ao longo da tempada. Así mesmo, destacou a responsabilidade que supón formar parte do fútbol profesional, facendo fincapé na sustentabilidade, o respecto aos valores da competición, a loita contra a violencia, a protección dos dereitos fronte á fraude audiovisual e a contribución de todos os clubs ao fortalecemento de LALIGA como proxecto común.
«Non estades aquí porque vos convidásemos, senón porque o gañastes. Benvidos á vosa nova categoría», sinalou o presidente de LALIGA durante o acto de benvida.