ESCUDO-1300x400-02
Centenario

Non é un libro, é a historia de cen anos de Afouteza e Corazón

RC Celta

Onte, o Salón Rexio de A Sede encheu as súas catro paredes de historia, acollendo a presentación do libro oficial do Centenario do RC Celta. Vivencias, recordos, fitos e anécdotas condensan os 100 anos da entidade celeste e enchen as 318 páxinas desta xoia encadernada, que hoxe mesmo ponse ao dispor de todos os seareiros que queiran facerse cun dos 1.923 exemplares impresos. Unha obra á que La Voz de Galicia, entidade encargada da súa edición, dedicou incontables horas de traballo, agarimo e esforzo para facela realidade.

O acto virou ao redor dunha mesa redonda con invitados de excepción. Xosé Luis Vilela, director de La Voz de Galicia, foi o encargado de mediar unha conversa chea de añoranzas do pasado celeste e grandes soños e esperanzas para o futuro do club olívico.

Diego Pérez, delegado de La Voz de Galicia en Vigo, convidaba a todos os afeccionados a non perder a ocasión de botarlle un ollo a este anaquiño de historia, pois non só fala dun club de fútbol, senón que “tamén é a historia de Vigo. O RC Celta é reflexo da cidade e da súa xente, do seu carácter de superación constante”.

Xunto a eles, estiveron tamén presentes Milorad Ratkovic, Sergio Álvarez, Kevin Vázquez e Noel González, encarnando o pasado, o presente e o futuro do club celeste. Todos e cada un deles coincidiron en empregar os mesmos calificativos para definir o seu paso polo club celeste: orgullo e privilexio.

Así, O Gato de Catoira comentaba sentirse “orgulloso de poder formar parte deste club e poder saír neste libro como parte da súa historia”; mentres que o xuvenil Noel González admitía que “sempre me dixeron que formar parte do Celta é un privilexio e teño que aproveitalo”.

Un libro sen un punto e final, senón tres puntos suspensivos. 318 páxinas repletas de historia e tradición. 100 anos de afouteza e corazón. O libro oficial do Centenario, xa dispoñible na páxina web do RC Celta e nas tendas oficiais do club.

RC Celta

Etiquetas

Centenario O Club

Noticias recomendadas