
O Celta e Marco Garcés alcanzaron un acordo para a renovación do contrato do director de Fútbol ata xuño de 2030, fortalecendo desta maneira a aposta nun proxecto deportivo ambicioso e en plena expansión sustentado nunha metodoloxía que está a transformar todas as categorías do fútbol celeste.
Desde a súa chegada, Garcés situou A Canteira no centro da planificación deportiva, impulsando unha profunda reorganización da área Deportiva co obxectivo de reforzar a estrutura interna, acelerar procesos e optimizar o rendemento global da entidade. Esta dinámica de traballo, baseada na coordinación entre as diferentes áreas, permitiu avanzar de forma notable en apenas dúas tempadas, favorecendo a proxección do talento en todos os niveis.
Grazas a esta aceleración de procesos, varios xogadores formados na Canteira debutaron na elite do fútbol español, mentres que numerosos xuvenís deron o salto ao Celta Fortuna, un aumento da competitividade e o rendemento do talento que foi progresando de maneira natural nos diferentes elos da estrutura formativa do club.
Máis aló do plano deportivo, Marco sempre demostrou un compromiso exemplar co club esforzándose por empaparse cos valores celestes. Desde o primeiro día, interesouse por coñecer as raíces, a cultura e a tradición galega co obxectivo de integrarse plenamente na filosofía do club, un vínculo co que se gañou o respecto e o agarimo da afección celeste.
Coa súa continuidade ata 2030, o Celta reafirma a súa aposta nun proxecto deportivo sólido, baseado na estabilidade e a ambición deportiva co obxectivo de seguir impulsando o crecemento do club e a proxección de talento nos próximos anos.