
A presidenta do Celta, Marián Mouriño, foi distinguida este domingo como nova Dona do Albariño durante o acto solemne do Capítulo Serenísimo celebrado no Pazo de Fefiñáns, no marco da LXXIV Festa do Viño Albariño de Cambados.
Con este nomeamento, unha das máximas distincións vencelladas á promoción da cultura vitivinícola galega, o Capítulo Serenísimo recoñece a traxectoria de Marián Mouriño e a súa contribución á proxección de Galicia desde o ámbito deportivo e institucional.
A cerimonia estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o alcalde de Cambados, Samuel Lago; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes; e o chanceler-secretario do Capítulo Serenísimo do Viño Albariño, Pedro Piñeiro.
O Gran Mestre do Capítulo Serenísimo do Albariño, Alberto Núñez Feijóo, non puido asistir ao acto por atoparse en Ceuta. Durante a cerimonia, xunto a Marián Mouriño, tamén foron investidos como novos cabaleiros e donas do Albariño a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o viticultor e alcalde de Ribadumia, David Castro Mougán; o embaixador da China en España, Yao Jing; e o cirurxián Diego González Rivas.
Este recoñecemento supón un novo vínculo entre o club e unha das tradicións con maior arraigamento e identidade de Galicia. Do mesmo xeito que o Celta, a Festa do Viño Albariño representa valores como o orgullo pola nosa terra, a proxección internacional e o compromiso coa promoción da cultura galega.
“A Festa do Albariño é unha desas tradicións que mellor exemplifican o que é Galicia e a súa xente. Unha xuntanza que nos convida a gozar do que somos e que soubo medrar sen perder a súa esencia, ata converterse en Festa de Interese Turístico Internacional. O viño Albariño é un produto froito do esforzo e da dedicación de viticultores, adegas, familias e de todas as persoas que contribúen a poñer en valor a riqueza deste viño e da nosa terra. Así que, por todos eles, e polo orgullo de sermos galegos, brindemos. Viva o viño Albariño e viva o Celta!”, proclamou Marián Mouriño durante o seu discurso, en representación de todos os cabaleiros e donas desta edición da festa.