Marián Mouriño xa é presidenta do RC Celta, a primeira muller en asumir o máximo cargo do club galego nos seus cen anos de historia. Tras unha histórica e emocionante Xunta Xeral de Accionistas, celebrada este martes na Sede, na que se homenaxeou a Carlos Mouriño e o seu consello de administración, este mércores tivo lugar a primeira reunión dos novos conselleiros e conselleiras do RC Celta.
Neste primeiro conclave do novo órgano de goberno da entidade celeste, o principal punto da orde do día foi o nomeamento oficial de Marián Mouriño como máxima mandataria do RC Celta. A substitución na cúpula directiva do club xa é unha realidade, e con este, iníciase unha nova etapa na que o consello de administración asume como principais propósitos fortalecer as raíces históricas e identitarias do club, o fútbol no centro, conectar co celtismo e velar por unha economía saneada.
A nova presidenta do RC Celta terá a súa posta de longo #ante os medios de comunicación este xoves ás 11:00 horas, unha cita que se poderá seguir en directo a través das canles dixitais do club e na que Marián Mouriño presentará detalles da súa proposta de proxecto e visión para o RC Celta.
O inicio desta emocionante e prometedora etapa para o club marca a despedida do Consello que acompañou a Carlos Mouriño durante 17 anos. Un legado cheo de aprendizaxes, éxitos e triunfos que deixa unha pegada indeleble na historia do celtismo e que servirá como referente para a nova cúpula. O club desexa expresar o seu máis sincero agradecemento a cada un dos conselleiros saíntes polo seu incansable traballo e dedicación durante case dúas décadas. A súa experiencia e desempeño foi fundamental para a evolución continua do RC Celta, permitindo ao equipo celeste superar desafíos e alcanzar logros notables.