Felipe Miñambres atendeu aos medios de comunicación en rolda de prensa tras o peche do mercado de fichaxes. O director deportivo celeste repasou as incorporacións e saídas realizadas polo RC Celta, así como as expectativas en torno ao equipo formado para a nova tempada e a situación xeral do mercado de transferencias.
Okay Yokuslu
“É unha sorpresa para todos os que seguimos a súa etapa en Inglaterra (sobre non pechar a súa saída). Recibimos ofertas pero non de compra directa, que é o que el e nós buscabamos. Non é unha preocupación. É un xogador que suma ao plantel, que nos pode achegar como mediocentro ou de central. No tema financeiro pode ser malo, pero para o plantel achéganos un xogador de nivel”.
“Hai mercados abertos como Turquía e Rusia e si podería haber cousas esta semana pero, persoalmente, nese aspecto non estou moi preocupado”.
Jeison Murillo
“Pensabamos que non ía ser posible esta fichaxe polo tema económico, pero o esforzo realizado por Sampdoria, Jeison e nós mesmos fixo posible que estea unha tempada máis connosco. Esperamos que nos axude e que aumente o nivel defensivo do equipo”.
Ofertas recibidas
“Por Denis non chegou nada, aínda que moitos axentes preguntaron por el. Si houbo ofertas por outros xogadores, pero ao final non se chegou a acordos, como no caso de Okay, por exemplo. Consideramos que eran diferentes ao que queriamos e ao valor que ten o xogador agora mesmo. Non recibimos ofertas formais por Tapia nin Araújo”.
Evolución del mercado
“Empezamos nunha situación de risco coa compra de dous xogadores. Non queriamos quedarnos sen dous xogadores que nos parecían importantes, como Cervi e Galán. Logo saíu o CVC e axudounos, como a outros equipos de LaLiga. No aspecto económico somos un club tranquilo, que non se volve tolo e que nestes mercados chega até onde pode. Puidemos facer case todas as operacións que tiñamos pensadas nun principio”.
Salidas
“Algunhas saídas non eran fáciles, pero saíron seis xogadores e non era un mercado tan fácil como noutras ocasións porque hai moita menos capacidade económica. Estamos satisfeitos coas saídas e esperamos que lles vaia ben, tanto aos que se marcharon como aos cedidos”.
Valoración do traballo da dirección deportiva
“A competición dirá se foi bo, o rendemento dos xogadores. Foi un mercado complicado, con operacions longuísimas como Cervi ou Galán”.
Valoración do plantel construido
“Iso hai que demostralo (se é mellor que a da tempada pasada). LaLiga demóstranos cada partido que o que fixeches non vale de nada e hai que seguir presionando. O camiño que percorremos a tempada pasada temos que tentar percorrelo nesta, pero sabendo que non vai ser fácil de repetir. Se queremos estar onde este persoal demostrou que pode estar, ten que facer ese mesmo esforzo. Está en mans dos xogadores demostrar que son mellor plantel que a tempada pasada e que aumentaron o seu nivel”.
Denis Suárez
“Véxoo ben. Falo bastante con el porque atopo unha conexión pola súa posición e o sistema de xogo do equipo, similar ao que eu vivín en Tenerife. Véxolle forte. Ten que demostrar o xogador que é”.
Orbelín Pineda
“Ten contrato até decembro co seu club. Como outros xogadores, seguímoslle. É un xogador apetecible, importante na súa selección, demostrou a súa importancia na Copa Ouro e, do mesmo xeito que outros xogadores libres, seguímoslle, pero se vai xogar aquí en xaneiro non o podo dicir”.
Celta B
“Hai xogadores que baixarán ao Celta C. Se ao final non xogan, queremos que teñan minutos e cando se lles necesite que podan subir”.