
Este sábado, antes do inicio do encontro ante o Valencia CF en Abanca Balaídos (14:00 horas), o celtismo unirase nun respectuoso e emotivo minuto de silencio en memoria de todos os celtistas falecidos ao longo do ano 2025. Un xesto cargado de significado para lembrar a quen forma parte da nosa historia e que, aínda que xa non estean fisicamente, seguirán sempre presentes no noso corazón.
Un pouco antes, ás 12:00 horas, celebrarase un acto especial fronte ao mural celtista situado na Bancada de Marcador. Alí, Carmela Cuevas, conselleira do Celta, depositará un ramo de flores como símbolo de recordo, gratitude e respecto cara a todos os celtistas que xa non están.
Trátase dunha tradición que o club mantén viva no primeiro partido do ano en casa, e que reforza os lazos que unen ao Celta coa súa xente, coa súa memoria e con todas aquelas persoas que, dunha ou outra forma, axudaron a construír o que somos. Porque hai sentimentos que non desaparecen nunca e porque seguimos camiñando xuntos, tamén con quenes sempre permanecerán no noso recordo.