O RC Celta está de aniversario en 2023. O conxunto galego cumpre un século de vida e MolcaWorld súmase a esta efeméride tan especial dunha forma destacada como patrocinador oficial dos actos do Centenario. O acordo escenificárono Fran Carrasco, CEO de MolcaWorld, e Carlos Salvador, director comercial do RC Celta.
O máximo responsable da empresa con sede en Vilamarxant móstrase “feliz e orgulloso de poder formar parte dun momento tan importante na historia dun club co peso no deporte español como ten o RC Celta”.
A empresa valenciana, especializada en rendibilizar os activos inmobiliarios dos seus clientes a través da arquitectura experiencial, quere estar á beira dun club histórico co que leva traballando nas instalacións do Estadio Abanca Balaídos e a Cidade Deportiva Afouteza desde 2016.