
Nunha nova alegoría á unión entre a cultura e o deporte, o Celta convida a toda a afección a vivir unha experiencia única, unha expresión artística que nos une como pobo e que fortalece a nosa identidade.
Este domingo, o encontro de Laliga EA Sports ante o FC Barcelona virá precedido dun espectáculo que promete emocionar a quen se achegue cedo ao estadio. A partir das 20:48 horas, o grupo Nova Galega de Danza encherá o céspede de Abanca Balaídos de música e alma coa súa peza “Leira”, unha representación na que o corpo e a terra fúndense nun diálogo poético a través da danza e da música.
“Leira” é unha homenaxe á Galicia labrega, ás mans que traballan a terra, á forza e á beleza dun pobo que vive en conexión coa natureza. A muller, centro desta conexión telúrica, guía unha coreografía chea de emoción, movemento e raíces.
Baixo a dirección do coreógrafo e creador Jaime Pablo Díaz Rodríguez, e co talento dos bailaríns Estefanía Gómez, Alba Vázquez, Laura Santamariña, Iván Villar, Pablo Sánchez e Ricardo Fernández, Nova Galega de Danza leva máis de dúas décadas reinventando o noso folclore, levando a esencia galega a escenarios de todo o mundo e dándolle unha ollada contemporánea sen perder a súa esencia.
A súa traxectoria, avalada por galardóns como o Premio da Cultura Galega (2021), o Premio Max 2021 ao Mellor Intérprete Masculino de Danza (por Iván Villar) ou o Premio da Crítica de Galicia en Ciencias e Artes da Representación (2009), converteuna nunha das compañías máis recoñecidas tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
Será un auténtico privilexio contar coa súa narrativa, emoción e talento sobre o terreo de xogo antes dun encontro que xa de por si promete emocións fortes. Por iso, antes de que o balón empece a rodar, recorda entrar con tempo ao estadio e gocemos xuntos do talento e do orgullo galego.