A partir deste sábado 19 de outubro, coincidindo co enfrontamento entre o RC Celta e o Real Madrid, Vitrasa, en colaboración co Concello de Vigo e o Real Club Celta, ampliará o seu servizo de transporte público desde Balaídos cunha nova oferta de lanzadeiras. Este novo servizo de fútbol para a tempada 2024/2025 está deseñado para mellorar a accesibilidade ao estadio e facilitar o retorno dos celtistas tras os partidos, axudando a desconxestionar o tráfico na zona, fomentando o uso do transporte público e contribuíndo a un desprazamento máis eficiente e sostible.
As tradicionais liñas F1, F2 e F3 serán renombradas en honra ás bancadas de Abanca Balaídos, adoptando os nomes “Río”, “Marcador” e “Gol” respectivamente. Estas lanzadeiras estarán dispoñibles ao finalizar cada encontro, en función da demanda, con saída desde o aparcamento fronte á bancada de Tribuna, Avenida de Fragoso. Nas próximas semanas instalaranse sinalizacións informativas permanentes para facilitar o acceso dos usuarios.
Como principal novidade, os percorridos destes autobuses amplíanse para abarcar máis zonas da cidade. A liña “Río” cubrirá áreas como a Avenida de Castrelos, Gran Vía e Sanjurjo Badía, mentres que “Marcador” pasará por Praza América, Camelias e Martínez Garrido. A maior ampliación corresponde á liña “Gol”, que incluirá un percorrido de máis de 10,5 quilómetros, ofrecendo servizo a Navia, Coia e Bouzas.
Para chegar a Abanca Balaídos, as liñas regulares de transporte público (5A, 7, A, 11, 12B, 16, 17, 23, 27 e H2) continuarán operando como ata o momento, axustándose aos horarios da liga.
Novo servizo para As Celtas
A maiores, outra das novidades no transporte urbano será a estrea das lanzadeiras desde A Madroa. A partir do próximo domingo 3 de novembro, Vitrasa poñerá en marcha un roteiro “de maneira experimental” tras os partidos de As Celtas, co obxectivo de avaliar a demanda potencial e a súa viabilidade.