O RC Celta inicia unha nova etapa na súa historia da man dun renovado consello de administración. A Xunta Xeral de Accionistas do club aprobou este martes o nomeamento dos conselleiros e conselleiras propostos por Marián Mouriño, conselleira delgada e presidenta en funcións da entidade celeste.
O novo consello de administración está formado por un total de sete integrantes, entre os que destaca un maior número de conselleiros independentes. Perfís profesionais, empresarios e deportistas que contan cunha longa traxectoria nos seus ámbitos e que achegarán a súa experiencia e visión para fortalecer a gobernanza corporativa do RC Celta.
O propósito deste novo consello de administración é acompañar ao club na súa fase de transición cara a unha nova etapa, fortalecendo as súas raíces históricas e identitarias, impulsando a súa profesionalización, poñendo ao fútbol no centro, conectando cos afeccionados e velando por preservar unha situación económica saneada.
Os integrantes do novo consello, ademais da conselleira delegada Marián Mouriño, son os seguintes:
– Sergio Álvarez, ex gardameta celeste e cofundador da Escola de Porteiros Sergio Álvarez, da Fundación Celta.
– Antón Álvarez, Senior Advisor de Evercom, axencia creativa de márketing e comunicación, Transcendent, consultora estratéxica de sustentabilidade e impacto e Unlimited Spain, aceleradora de startups de impacto.
– Carmela Cuevas, responsable de Control de Xestión Comercial Zara – Inditex e Business Angel en Velca.
– José Manuel Amoedo, socio fundador do bufete Amoedo & Lago Avogados e socio titular en Pontevedra do despacho colectivo Eurix Avogados AIE.
– José Álvarez, socio fundador e CEO de Grupo Femxa Formación e Emprego e socio fundador de Ideaspropias Editorial, Ideaspropias Publicidade, Activa Formación, Adquiro Servizos Integrados, Nred Solucións Formativas, Femxa Formación, Green Venture Labs, Apunto 21, Learning and Support Services, FollowUP & Control, Green Smart Ventures.
– Xisela Aranda, ex futbolista e ex campioa de España e Galicia de squash.
– Miguel Álvarez, Socio Director de Marcapital Ventures, empresa que inviste en startups tecnolóxicas en finanzas, alimentación, mobilidade eléctrica e deporte, socio fundador e administrador de Norfood, S.L. investidor, conselleiro, interim manager e/ mentor en dez startups, conselleiro, membro do Comité de Dirección e responsable de Estratexia en BMC Estudo & Contract.
O novo consello de administración abordará na súa primeira reunión o nomeamento de Marián Mouriño como presidenta do RC Celta, actualmente no cargo en funcións.
Toda a información e documentación relativa ao Novo Consello de Administración está dispoñible AQUÍ.