O programa, integrado en Celta360, permitirá a mozos de todo o mundo adestrar baixo a metodoloxía do club, competir na súa estrutura e combinar fútbol e formación académica de prestixio en Vigo e a súa área metropolitana
O Celta dá un paso máis na súa estratexia de internacionalización co lanzamento de A Canteira Experience, un programa deseñado para atraer e desenvolver talento futbolístico de todo o mundo dentro da estrutura do club. Integrado no ecosistema Celta360, este proxecto nace cunha vocación clara: converter Galicia, e máis concretamente Vigo e a súa área metropolitana, nun destino de referencia internacional para a formación integral de futbolistas. O obxectivo do club é abrir o seu modelo de canteira ao talento global e posicionarse como un actor relevante no desenvolvemento de futbolistas a nivel internacional.
“A Canteira Experience é a esencia do Celta. Con este programa damos un paso máis: abrir o noso modelo ao talento internacional e ofrecer unha experiencia real de desenvolvemento dentro dun club da LaLiga e con presenza en Europa. Queremos que Vigo sexa un punto de encontro para mozos futbolistas de todo o mundo”, sinalan desde o club.
A través deste programa, mozos xogadores internacionais terán a oportunidade de adestrar baixo a metodoloxía oficial do Celta, compartir dinámicas con equipos de canteira e ser avaliados nun contexto real dentro dun club que compite na LaLiga e na UEFA Europa League. Ademais, poderán formar parte dun equipo propio, Celta360, que competirá como un conxunto máis dentro da estrutura do club a partir da tempada 2026/2027.
Máis alá do desenvolvemento deportivo, A Canteira Experience pon o foco nunha formación integral. Os participantes combinarán o seu crecemento futbolístico con itinerarios académicos adaptados, que inclúen Educación Secundaria, Bacharelato Nacional e Internacional no Colexio Los Sauces, institución educativa incluída na lista dos 100 mellores colexios segundo Forbes, así como distintas opcións formativas na Universidade de Vigo. O programa complétase con formación en idioma e cultura española para facilitar a integración dos xogadores.
Un proxecto con alcance global
Nas últimas tres tempadas, este modelo, ata agora baixo a marca Celta Academy, reuniu a preto de 400 xogadores procedentes de 53 nacionalidades diferentes, consolidando o crecemento internacional do proxecto. Países como Alemaña, Brasil, Estados Unidos, Xapón, México ou Reino Unido formaron parte do programa, xunto a outros mercados emerxentes no fútbol global como Ghana, Tanzania, Uzbekistán ou Líbano.
O impacto do modelo reflíctese tamén na progresión deportiva dos seus participantes, con xogadores que deron o salto a estruturas profesionais ou a equipos de canteira do club, como Joseph JR (Tanzania), Yua Kamiyama (Xapón) ou Isaías Abuabara (Panamá), entre outros.
Con A Canteira Experience, o Celta non só impulsa a súa estratexia internacional, senón que abre a súa metodoloxía e estrutura ao talento global, reforzando o seu posicionamento como un dos clubs máis activos no desenvolvemento internacional de talento en contornas profesionais.
Máis información en: www.acanteiraexperience.gal
