O club reafirma o seu compromiso coa protección e conservación do patrimonio do inmoble
O RC Celta adquiriu as espectaculares lámpadas francesas que durante décadas iluminaron o salón rexio do 44 de Rúa Príncipe de Vigo, un inmoble que proximamente albergará a nova sede social do club celeste.
Tal e como explica Nicolás López-Guerra, presidente do Círculo Mercantil, trátase “dun acordo asinado a posteriori da venda do edificio entre o RC Celta e a nova directiva do Círculo”. O mandatario da sociedade viguesa apunta que “desmontar e transportar as lámpadas supuña unha gran dificultade” e “mantelas no seu lugar orixinal permite conservar o salón rexio como ata agora, como parte da historia de Vigo”.
López-Guerra subliña a súa satisfacción persoal ante este acordo e o seu convencemento de que “o Celta vai manter a estrutura deste salón porque é parte da historia da cidade”. As lámpadas francesas, de estilo imperio e gran valor estético e histórico, teñen uns cen anos de antigüidade e permaneceron no salón rexio desde a construción mesma do edificio.
O RC Celta reafirma con esta adquisición o seu compromiso coa conservación, protección e revalorización do patrimonio estético e arquitectónico da até agora sede do Círculo Mercantil.