O club celeste dotaríase de patrimonio e o Círculo Cultural garantizaría a súa supervivencia
O Real Club Celta alcanzou un preacordo cos responsables do Círculo Mercantil para a adquisición da sede central, situada na rúa do Príncipe, desta sociedade. A venda do inmoble ao club celeste debe ser referendada agora polos socios nunha asemblea que se desenvolverá a mediados do mes de novembro.
O Real Club Celta barallou diversas posibilidades para a adquisición dun inmoble destinado a albergar a sede do club, na actualidade un chalé en Praza de España en réxime de aluguer, e dotar á entidade de patrimonio, un dos grandes obxectivos históricos do R.C.Celta.
Entre os edificios vigueses que o club celeste analizou para situar a súa sede figuraban algúns con menor custo que o pertencente ao Círculo Mercantil, pero o Real Club Celta decantouse finalmente por este inmoble non só pola súa excelente localización, senón tamén polo apoio económico que suporá para a histórica institución social e cultural viguesa. Neste sentido, o Real Club Celta quere expresar a súa gran satisfacción polo preacordo polo que representa para a supervivencia dunha entidade emblemática da cidade de Vigo como é o Círculo Mercantil.
O Real Club Celta comprométese ademais a respectar ao máximo a estrutura do edificio, un inmoble de singular valor arquitectónico facilmente reconocible para gran parte da cidadanía viguesa. A entidade celeste celebra tamén este preacordo porque suporía manter á marxe a posible especulación de terceiros sobre o edificio sen valorar ningún outro aspecto, nin arquitectónico, nin emocional, e confía en que os socios do Círculo Mercantil referenden esta venda na súa próxima asemblea.