O Celta asinou un acordo de colaboración e patrocinio coa Association Hummel Academie Football Senegal (AHAFS), coa intención de acadar un maior alcance deportivo e social nun dos territorios con maior proxección futbolística do continente africano.
Este acordo, cunha duración inicial de dez anos, ten como obxectivo principal impulsar a captación e o desenvolvemento de novos talentos senegaleses para a súa futura incorporación ás categorías inferiores do club.
Ademais do traballo de detección e avaliación de talento, a entidade celeste achegará asesoramento técnico, implementará a metodoloxía Celta e poñerá á disposición da academia recursos tecnolóxicos que optimicen o rendemento dos futbolistas.
Máis alá do fútbol, esta alianza representa un compromiso co desenvolvemento social e educativo no Senegal, xa que o Celta tamén implementará programas de formación académica para xogadores e técnicos, co fin de mellorar as competencias e oportunidades da mocidade senegalesa dentro e fóra do terreo de xogo, favorecendo un entorno de crecemento humano e educativo.
Miguel Álvarez, conselleiro do club, falou sobre esta nova alianza e destacou que “o Senegal ten unhas condicións inmellorables para esta alianza. É un país novo, en crecemento, que ve a educación e o deporte como palancas de desenvolvemento, e ademais apaixonado polo fútbol”.
Con este acordo, o Celta de Vigo dá un paso máis na súa vocación internacional, reafirmando a súa aposta polo fútbol como motor de desenvolvemento social e como vía de unión entre culturas.