FOTO PARA NOTA DE PRENSA MADONNA
Novas club

O Celta busca a camisola que Madonna vestiu no seu concerto de Vigo no ano 1990

RC Celta

O 29 de xullo de 1990, Vigo acolleu o seu primeiro gran concerto internacional: o estadio de Balaídos foi unha das últimas paradas na xira europea Blond Ambition de Madonna. Aquela noite, a artista enfundou a camisola do Celta co 5 de Espinosa nas costas. Este instante, capturado polo fotógrafo Víctor de las Heras, converteuse nunha imaxe icónica da historia do club e da cidade.

Tras a actuación, perdeuse o rastro da peza, que permanece en paradoiro descoñecido desde entón.

O Celta revela agora que levaba anos buscándoa en privado, pero a investigación quedou estancada.

Trinta e seis anos máis tarde, o club lanza un chamamento a todo o celtismo co obxectivo de localizar a camisola, coa intención de incorporala ao seu arquivo histórico. Para o Celta, trátase dunha peza única e irrepetible que forma parte do seu patrimonio emocional.

Por ese motivo, o club agradece calquera información relevante sobre o paradoiro da camisola que Madonna vestiu sobre o escenario de Balaídos. Para iso habilitouse a seguinte ligazón para recibir as informacións relacionadas coa peza:

(ENLACE: https://rccelta.typeform.com/camiseta1990).

Tratando de esgotar todas as vías de investigación, o Celta tamén publicou unha carta aberta da súa presidenta, Marián Mouriño, dirixida a Madonna, por se ela mesma puidese achegar información relevante ou incluso conservar a camisola.

Nela, comunícase que dedicará “un xesto de afecto” á artista nunha acción especial en Abanca Balaídos o vindeiro venres 6 de marzo ás 20.45 h, antes do partido Celta-Real Madrid.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas