20251216_Firma_VeteranosBalaídos_-15
Novas club

O Celta e a Agrupación de Veteranos renovan o seu convenio nunha xornada de convivencia en Abanca Balaídos

RC Celta

Abanca Balaídos acolleu este martes unha reunión moi especial entre o Celta e a Agrupación de Antigos Xogadores de Fútbol RC Celta de Vigo, unha cita cargada de emoción que serviu para reencontrarse, celebrar estas datas navideñas e seguir fortalecendo o vínculo entre o pasado, o presente e o futuro do club.

O encontro tivo como eixo a renovación do convenio de colaboración entre ambas partes, un acordo que reforza a unión con quen foron protagonistas fundamentais da historia celeste e que permitirá seguir traballando conxuntamente nos ámbitos deportivo, social e formativo. E é que este convenio renovado contempla a participación activa da Agrupación de Veteranos na formación da canteira, a través de sesións formativas e encontros de convivencia nos que os exxogadores compartirán as súas vivencias e valores como a deportividade, o esforzo e o sentimento de pertenza. Ademais, seguirán formando parte de actos sociais organizados pola Área Celtista e colaborarán co Museo do Celta mediante a cesión ou doazón de obxectos históricos, contribuíndo a manter viva a memoria do club.

Á firma acudiron a presidenta do Celta, Marián Mouriño, quen quixo expresar o seu agradecemento e o orgullo que supón para o club seguir contando coa experiencia e o compromiso dos veteranos, e Fernando Rodilla, presidente da Agrupación de Veteranos. Tamén estiveron presentes diferentes representantes do club como Carlos Cao, director de Infraestruturas e Relacións Institucionais, David González, director da Área Celtista, e Juan Adell, historiador oficial do Celta; ademais de José Méndez en representación das peñas.

Antes do acto institucional, os veteranos percorreron Abanca Balaídos e coñeceron a fondo o novo Museo e os vestiarios, un espazo engalanado para a ocasión con camisetas históricas en homenaxe ao legado que estes xogadores deixaron no club e no celtismo.

A xornada concluíu cun momento de convivencia arredor dun picoteo, que puxo o broche a un encontro marcado por esa unión entre xeracións que reforza o compromiso de seguir mirando ao futuro con ilusión, sen esquecer nunca as raíces que construíron a historia do Celta.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Siguiente noticia

Noticias recomendadas