O Celta e o distrito senegalés de Parcelles Assainies (Dakar) formalizaron esta tarde un acordo de colaboración para seguir potenciando o desenvolvemento da HAFS Académie Celta nun acto institucional celebrado no Salón Regio da sede da entidade viguesa. O convenio foi rubricado pola presidenta do club, Marián Mouriño, e o alcalde de Parcelles Assainies, Aboubacar Djamil Sané, nun ambiente marcado pola proximidade e pola vontade de seguir construíndo un proxecto común con impacto social e educativo na capital senegalesa.

Durante a súa intervención, o conselleiro do Celta e portavoz do proxecto, Miguel Álvarez, puxo en valor os vínculos que unen a Galicia e Senegal, destacando a súa tradición mariñeira, a súa identidade cultural e valores compartidos como a “Teranga” senegalesa —hospitalidade— e a “Afouteza” celeste —valentía—, conceptos que, segundo sinalou, “desde hoxe vannos unir aínda máis”.
O acordo supón un novo impulso ao proxecto que o club desenvolve en Senegal desde 2024. Entre as principais actuacións destaca a mellora do estadio municipal de Parcelles Assainies, onde adestra e compite a HAFS Académie Celta xunto a outros clubs locais. O proxecto inclúe a renovación do terreo de xogo e a construción dunha residencia para doce mozos futbolistas, dotada de dormitorios, cociña, comedor, sala de estudo e oficinas para a academia.
Esta infraestrutura permitirá ampliar as oportunidades a mozos procedentes de distintas rexións do país, especialmente da Casamance, onde o club xa puxo en marcha varias academias en colaboración con entidades locais. Na actualidade, máis de 500 nenos e nenas participan nos programas educativos e deportivos impulsados polo Celta en Senegal.
Ademais, o convenio incorpora unha vertente educativa coa creación dunha aula de ensino de español na Unidade Escolar 5 de Parcelles Assainies, equipada con material didáctico e recursos tecnolóxicos que aportou o CEIP Párroco Don Camilo. Esta iniciativa busca mellorar a formación do alumnado e abrir novas oportunidades profesionais en sectores clave para o desenvolvemento do país.
O acto serviu tamén para reafirmar o compromiso compartido coa educación como eixo fundamental do progreso. Tanto o Celta como as autoridades do distrito senegalés coincidiron na necesidade de xerar oportunidades reais para a mocidade, entendendo o deporte non só como un fin, senón como unha ferramenta de crecemento persoal e social. Coa sinatura deste convenio, o club vigués continúa potenciando a súa proxección internacional e reforza un modelo baseado no impacto social, tendendo pontes entre Galicia e Senegal.
