O Celta conta desde esta semana cun novo espazo de información e xestión de abonos na cidade de Ourense. A entidade celeste continúa así reforzando a súa presenza en toda a xeografía galega, nesta ocasión nunha localidade e unha provincia con moita tradición celtista.
Situado na segunda planta de Ponte Vella Centro Comercial y Ocio, neste espazo celeste os afeccionados poden realizar todos os trámites necesarios para abonarse os xoves, venres e sábados en horario ininterrompido de 12 a 20 horas.
Trátase da primeira vez que o Celta habilita un punto oficial para xestionar o carné de abonado fóra da cidade de Vigo e faino cun atractivo engadido: os primeiros afeccionados que tramiten o seu abono no espazo oficial do Celta no CC Ponte Vella poderán viaxar gratis en autobús aos partidos que dispute o equipo céltico no estadio de Balaídos.
Ademais desta oferta exclusiva, mantéñense as condicións especiais ata este sábado 9 de xullo: rebaixa do 5% nas renovacións, acumulable ao desconto familiar ou de accionista até un máximo do 15%, e acceso sen necesidade de suplementos aos partidos designados como Días do Club.