[FOTO] Voltarei - HARD GZ + BORJA IGLESIAS + IVÁN VILLAR
Novas club

O Celta, nomeado en tres categorías nos Premios Paraugas 2025

RC Celta

O Celta está entre os finalistas dos Premios Paraugas, un dos recoñecementos máis prestixiosos do marketing, a comunicación e a publicidade en Galicia, que este ano celebran a súa décima edición o vindeiro 21 de novembro en Ferrol.

O departamento de Comunicación e Márketing do club continúa acumulando recoñecementos e, nesta ocasión, foi nomeado en tres categorías: á Estratexia Global de Comunicación por “Voltarei, homenaxe á cultura galega”, á Estratexia máis eficaz por “O mellor agasallo da historia: La Revuelta”, e á Mellor acción de branding por “RIO1923: Raíces, identidade e orgullo”.

Estes galardóns, que cada ano distinguen os proxectos máis innovadores do sector, volven poñer en valor o traballo do Celta e o seu compromiso coa creatividade, a identidade e os valores galegos. O club xa fora recoñecido na pasada edición pola súa campaña “Non pode ser máis de aquí”, e esta nova nomeación reafirma unha traxectoria que busca emocionar, conectar e fortalecer o orgullo de ser celtista.

Para o Celta, estar nomeado aos Premios Paraugas é un honor e un motivo de orgullo. Supón un recoñecemento ao esforzo, á paixón e á dedicación de todos os que forman parte do club, pero tamén á forza do celtismo, que apoiou con entusiasmo cada unha das campañas e proxectos que viron a luz este ano.

Estas nomeacións son, en definitiva, para a afección, por estar sempre ao lado do equipo e superar todas as expectativas que o Celta puxo en cada homenaxe a Galicia, ás súas raíces, á súa identidade e ao seu orgullo.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas