Cumprirá de xeito estrito os requisitos esixidos polos organismos deportivos e gubernamentais
O Real Club Celta poñerá á venda este mércores nas taquillas do estadio de Balaídos e de xeito exclusivo para abonados e peñas as preto de 1.300 entradas dispoñibles para a afección visitante para o partido ante o Deportivo de La Coruña que se disputará en Riazor o sábado 21 do presente mes.
Unha vez solicitada nos distintos organismos deportivos e gobernamentais competentes a información sobre as condicións de venda destas entradas, o club aplicará de xeito estrito os requisitos esixidos por estes organismos, que inclúen que cada abonado ou peñista, ou o seu representante legal no caso de que sexa menor de idade, presente na taquilla o DNI para a adquisición de cada un dos billetes e autorice o acceso aos seus datos aos organismos involucrados na seguridade do partido.
O Real Club Celta quere aclarar que a súa decisión de asumir a venda de entradas para o derbi é en todo punto excepcional e exclusiva para a presente tempada e obedece á vocación do club de fomentar a deportividade e a normalidade nun derbi que debe entenderse como a gran festa do deporte galego e que non tería sentido sen a presenza das dúas afeccións no campo.
De igual xeito, o club pretende con esta decisión camiñar unha vez máis da man dunha afección que sempre respondeu de xeito exemplar cando o equipo necesitouna.
O Real Club Celta pide paciencia a abonados e peñistas no proceso de adquisición das entradas, xa que a necesidade de solicitar datos e firmas demorará máis do normal cada unha das operacións.
As entradas se despacharán exclusivamente a peñas con viaxes organizadas e abonados por orde de chegada ás taquillas e ata esgotar existencias. O horario de venda será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
No caso das peñas, estas deben facilitar, ademais dos datos antes mencionados, o responsable de cada un dos autobuses, o plan de viaxe e o número de vehículos contratados.
Os abonados deberán tamén informar sobre o medio de transporte que utilizarán para acudir a Riazor.