O Celta dá un novo paso na súa historia cunha actualización de marca que reforza a súa personalidade, afonda nas súas raíces e proxecta con máis forza a súa identidade galega e celeste. A partir de agora, o club pasará a presentarse como Celta en todos os espazos vinculados á súa comunicación de marca, convivindo con Real Club Celta, Celta de Vigo ou RC Celta como denominacións tamén válidas.
Este cambio responde a unha realidade evidente: para afeccionados e afeccionadas, para o fútbol en xeral, sempre fomos simplemente o Celta. Recoñecernos así é recoñecer a nosa forma de sentir e de expresarnos, máis próxima, máis auténtica.
Pola súa banda, a nova identidade mantén intacto o noso escudo, no que só se aplicaron pequenos axustes técnicos no deseño.
Entre as principais novidades destaca a creación da tipografía Sempre Celta, desenvolvida especificamente para o club. Esta nova familia tipográfica está inspirada na arte, o territorio e a tradición galega, e dálle voz visual á nosa personalidade: orgullosa, valente e con carácter propio.
O traballo de actualización de marca realizouse conxuntamente coa axencia en consultora de branding Summa. O desenvolvemento da tipografía Sempre Celta correu a cargo de Pedro Arilla,
Como parte deste proceso de renovación, o club tamén adoptará celta.gal como novo dominio web principal. Nas próximas semanas, todas as plataformas dixitais irán migrando do actual rccelta.es a celta.gal, consolidando así a aposta do Celta por poñer en valor a lingua, a cultura e a identidade de Galicia tamén no ámbito dixital.
Esta evolución é unha reafirmación da nosa identidade. Máis que unha nova marca, é unha maneira de dicir quen somos, de onde vimos e cara onde imos.
Sempre Celta