
A Oficina de Clubes, que presta servizos de consultoría e asesoramento aos 42 clubs de LaLiga co obxectivo de apoialos no seu crecemento en distintas áreas de negocio, celebrou este martes día 24 de marzo de 2026 unha nova edición dos seus premios, que recoñecen os proxectos dos clubs que marcaron a diferenza en 2025, co resultado dos votos de todos os clubs.
Os galardóns entregáronse no marco das Xornadas de Clubs en PortAventura World e constan de seis categorías vinculadas ás áreas de negocio de Infraestruturas, Dixital, Internacional e Comercial. Así, o premio ao Mellor Produto de Hospitality dentro da estratexia de explotación de infraestruturas foi outorgado ao Celta, por diante do Atlético de Madrid e do Real Oviedo, valorando os servizos ofrecidos na Sala Sky Marcador Club e destacando a súa aposta por ofrecer unha experiencia premium e próxima ao afeccionado, que deixa de ser mero espectador para vivir cada partido desde dentro, case como un xogador máis.
Este galardón de LaLiga é un novo recoñecemento que recibe o Celta neste contexto tras ser recoñecido, o pasado mes de novembro, como o mellor club europeo na categoría Best Hospitality Initiative of the Year nos ESSMA Awards 2025, os premios máis relevantes do continente en xestión de estadios, experiencia do afeccionado e seguridade.
Ademais, nesta Xornada de Clubs, o club vigués tamén foi recoñecido na entrega de premios á Mellor Campaña Estratéxica de Marca, levando o terceiro premio por “O mellor agasallo da historia”, a campaña que levou á presidenta do Celta, Marián Mouriño, ao prime-time de TVE no programa La Revuelta que presenta David Broncano. Un terceiro premio que valorou a repercusión que xerou o feito de que o primeiro equipo do Celta disputase un partido oficial de LaLiga co logotipo de La Revuelta nunha manga, algo que a posteriori se converteu nun espazo atractivo para un patrocinador.