O Celta estrea esta tempada unha nova proposta gastronómica en Abanca Balaídos coa chegada de O Ghaliñeiro e A Muiñada, dous novos conceptos que amplían e renovan a oferta de restauración dispoñible no estadio da man de Oak View Group (OVG), novo socio estratéxico do club para os servizos de restauración.
A nova proposta parte dunha idea común: adaptar algúns dos produtos máis habituais da gastronomía de estadio incorporando ingredientes de calidade e referencias ao produto galego.
O Ghaliñeiro ofrece hamburguesas e bocadillos cunha aposta por ingredientes e sabores galegos. Os afeccionados poderán atopar hamburguesas elaboradas con tenreira galega e ingredientes como queixo tetilla ou touciño afumado, ademais de diferentes bocadillos, patacas fritas e bravas.
Pola súa banda, A Muiñada ofrece pizzas, bocadillos e cans quentes. O concepto toma como referencia o muíño e a fariña, elementos directamente relacionados co pan e as masas que protagonizan boa parte da súa oferta. Esta vinculación coa tradición galega trasládase a unha carta que combina recetas populares con ingredientes do país.
Esta nova oferta gastronómica estará dispoñible en todas as bancadas de Abanca Balaídos. Ademais, como parte desta renovación, Marcador Baixo, Marcador Alto, Río Baixo e Río Alto estrean novos espazos de restauración máis amplos e cómodos. Estas novas zonas permitirán aos afeccionados contar con espazos cómodos e mellor adaptados para poder comer e compartir a experiencia gastronómica dentro do estadio.
Con esta renovación, o Celta continúa avanzando na mellora da experiencia do celtismo no estadio e mantén o seu compromiso con toda a sociedade, xa que estes espazos están adaptados para persoas con mobilidade reducida (PMR). Como é habitual con calquera novo servizo, o club agradece de antemán a paciencia e comprensión dos afeccionados no arranque desta nova proposta coa intención de ofrecer canto antes o mellor servizo posible.