
O Celta e Estrella Galicia renovan o seu acordo de patrocinio, reforzando unha relación histórica que supera xa os 15 anos e que se converteu nun símbolo de compromiso compartido entre ambas as entidades con Vigo, con Galicia e coa afección celeste.
Esta renovación consolida unha alianza baseada en valores comúns como a autenticidade, o esforzo, a fidelidade e o orgullo polo propio, que acompañaron ao club e á cervexeira ao longo de máis dunha década e media de camiño conxunto. Un vínculo que transcendeu o puramente deportivo para formar parte do día a día da afección, dos bares e da vida social da cidade olívica.
Ao longo destes anos, Estrella Galicia estivo presente nalgúns dos momentos máis relevantes da historia recente do club, acompañando ao equipo tanto en competicións nacionais como internacionais e reforzando o seu apoio en cada etapa.
Como mostra desta colaboración activa, ambas as entidades desenvolveron de forma conxunta numerosas iniciativas dirixidas aos afeccionados. Entre as máis recentes, destaca a campaña lanzada con motivo do regreso do Celta á competición europea, baixo o lema “Feitos do Noso”, unha acción que puxo en valor as raíces galegas comúns e a conexión emocional dos seguidores co club máis aló das nosas fronteiras.
Esta campaña incluíu accións dirixidas ao consumidor final e á afección celeste, con contidos protagonizados por seguidores do Celta e unha promoción especial cuxo premio final permitiu aos gañadores vivir unha experiencia única: viaxar acompañando ao equipo a un partido oficial da UEFA Europa League, reforzando así o vínculo entre club, marca e afeccionados.
Con esta renovación, Estrella Galicia reafirma o seu compromiso a longo prazo co Celta e coa súa afección, apostando por seguir construíndo xuntos historias que transcenden ao fútbol.
Acerca de Estrella Galicia
Estrella Galicia é a marca de cervexa de Corporación Hijos de Rivera. Fundada en 1906 na Coruña como unha fábrica de cervexas e xeo, a marca soubo manter a súa esencia familiar e artesanal ao longo dos seus 120 anos de historia, combinándoa cunha firme aposta pola innovación e a calidade.
Cun amplo portfolio de produtos, Estrella Galicia posicionouse como un símbolo de autenticidade, compromiso e paixón pola cervexa. A marca impulsa iniciativas ao redor da música, a gastronomía, a cultura e o deporte, que reforzan a súa conexión coa identidade, a cultura e o público.