16-9-3
Celtismo

O Celta triunfa nos premios de marketing e comunicación de Galicia

RC Celta

O Teatro Jofre de Ferrol acolleu este venres unha cita na que marcas e axencias galegas se reúnen para destacar os mellores traballos do ano en márketing e comunicación en Galicia: os Premios Paraugas. Nesta X edición, o xurado recoñeceu de maneira destacada o traballo do Celta en ambos eidos e culminou coa entrega ao club do galardón máis importante da gala, o Paraugas de Ouro.

O Celta foi un dos grandes triunfadores da noite e logrou o premio á Mellor acción de branding grazas á campaña “RIO1923 Raíces, identidade e orgullo”. Esta iniciativa abriu un espazo estable para proxectos de música, arte, literatura e artesanía xurdidos da afección, permitindo que moitas propostas pasasen a contar con respaldo e visibilidade institucional. O obxectivo era reunir baixo o selo “RIO1923” expresións culturais que non atopaban cabida na estrutura oficial do club e reforzar identidade, memoria e pertencenza. O xurado valorou o impacto da campaña na construción e consolidación da marca, así como a forma en que conectou cos valores do celtismo.

Tras recoller o premio, Carla García, do departamento de Márketing do Celta, subliñou que “é un orgullo ver recoñecido o traballo de tanta xente que hai detrás”. Engadiu que “as raíces hoxe están no centro dos nosos pensamentos, son as que nos fan ser quen somos, as que nos trouxeron até aquí e as que nos fan sentirnos orgullosos do noso, son o piar que sostén os nosos valores e as que nos achegan unha identidade. As raíces son as que nos permiten vivir un presente cargado de emocións e soñar cun futuro que deixe unha pegada inesquecible”.

A sorpresa chegou ao final da gala coa entrega do Paraugas de Ouro ao Celta. A presidenta do xurado explicou que este recoñecemento “non só premia os resultados, senón tamén visión, estratexia e liderado”. Destacou que “o Celta brillou nesta edición en varias categorías”, pero que o que máis lles emocionou foi a “aposta firme e valente pola comunicación e o márketing como ferramentas estratéxicas para medrar de forma sostida e como motores de transformación”. Pechou a súa intervención lembrando unhas palabras de Peter Drucker: “A mellor maneira de predicir o futuro é crealo”, destacando que “iso é o que está facendo o Celta. Está creando o seu futuro con estratexia, con sensibilidade, con innovación. Está a demostrar que o deporte pode ser tamén un exemplo de xestión intelixente, de conexión coa sociedade e de construción de marca”.

Ante tal distinción, Gael García, director de Márketing e Comunicación do club, concluíu dicindo que “ambos recoñecementos destacan a importancia de apostar polo márketing e a comunicación para facer que as organizacións medren. Desde o Celta animamos a que todo o talento creativo galego teña cabida e sexa protagonista como motor dinamizador empresarial e cultural”.

Estes recoñecementos sitúan o Celta entre as marcas máis destacadas de Galicia e reforzan un camiño que non sería posible sen unha afección que inspira, impulsa e dá sentido a cada proxecto.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas