O celtismo, exemplo de fidelidade e valores, demostrou unha vez máis o seu compromiso coa sociedade durante as últimas semanas con numerosas iniciativas encamiñadas a axudar ás institucións que día a día loitan contra o COVID-19 e aos colectivos máis desfavorecidos.
Foron varias as peñas que se envorcaron en levar a cabo unha serie de accións solidarias para axudar aos máis necesitados. Tropas de Breogán realizou un “crowdfunding” grazas ao que conseguiu doar unha gran cantidade de xel desinfectante, pantallas protectoras e numerosos alimentos.
O resto de peñas do colectivo Siareiros Celta Vigo, como Irmandiños, Boinas Celestes, Celtabirras ou Fútbol de Salón, tamén levaron a cabo unha compra de material sanitario que repartiron entre os hospitais Povisa e Cunqueiro, así como outros centros sanitarios da cidade. Á súa vez, a peña Siareiros.net realizou unha doazón ao Banco de Alimentos.
O RC Celta quere agradecer ás peñas e a todos os seus integrantes a súa enorme xenerosidade cunhas iniciativas que permanecerán no recordo de todos.