WhatsApp Image 2025-10-16 at 13.22.03
Novas club

O club reforza o seu vínculo con Senegal cunha visita institucional e deportiva á HAFS – Academie Celta

RC Celta

O Celta continúa fortalecendo a súa aposta internacional cunha visita a Dakar, capital dun país no que o club se ha envorcado para fomentar o seu desenvolvemento futbolístico e social. Representantes da entidade celeste desprazáronse ata as instalacións da HAFS – Academie Celta para seguir estreitando lazos coa academia e avanzar no ambicioso proxecto común iniciado este verán.

Esta visita forma parte do acordo de colaboración e patrocinio asinado o pasado mes de xullo entre o Celta e a HAFS, cunha duración inicial de dez anos. Un proxecto que ten como obxectivo principal impulsar a detección e desenvolvemento de novos talentos senegaleses, facilitando a súa incorporación futura á estrutura formativa do club. Ademais do traballo deportivo, o acordo inclúe programas de formación académica e social que buscan xerar oportunidades e fomentar unha contorna de crecemento humano máis aló do terreo de xogo.

A presidenta Marián Mouriño, o director de fútbol Marco Garcés, o conselleiro Miguel Álvarez e Álex Otero, director de Scouting, realizaron esta visita co fin de reforzar a relación coa academia e avanzar nos plans conxuntos de desenvolvemento. Un encontro moi positivo que consolida a conexión entre Vigo e Senegal e senta as bases para que a colaboración sexa aínda máis fácil, rápida e próxima.

En canto á axenda institucional, Marián Mouriño e Miguel Álvarez mantiveron un encontro coa Ministra de Educación, Deporte e Mocidade de Senegal. Ademais, visitaron ao alcalde do distrito de Parcelles Assainies, onde se sitúa a academia, así como a diversas entidades crave, como a Embaixada de España, a Cámara de Comercio e o Instituto Cervantes, co que se impulsarán clases de español para os novos futbolistas. Todas estas reunións serviron para reforzar vínculos institucionais, explorar programas de cooperación e abrir novas vías de colaboración internacional.

No plano deportivo, Marco Garcés e Álex Otero mantiveron encontros con responsables de HAFS e outras academias do país, co obxectivo de coñecer de primeira man o nivel competitivo local e seguir construíndo un proxecto sólido desde a área de fútbol. Asistiron a un torneo organizado pola academia e tamén ao partido entre Senegal e Mauritania, o que permitiu tomar o pulso ao talento emerxente e ao ambiente futbolístico do país.

Como broche, todos os representante do club acudiron á final do torneo organizado pola academia e participaron nunha celebración local na que foron recibidos con gran afecto. Algúns anfitrións luciron traxes tradicionais en cor azul celeste en honra ao Celta, nunha festa que se fusionou co Entroido de Kafountine, unha das manifestacións culturais máis vibrantes do sur de Senegal.

Por último, cabe destacar que este proxecto ten tamén un compoñente emocional e cultural moi especial. O curso pasado, o club presentou nos Cinemas Tamberlick o documental “Ceo e Area: A oportunidade de soñar”, unha peza audiovisual que reflectiu a riqueza humana, social e deportiva de Senegal e a súa estreita relación co Celta. Agora, con esta visita institucional e deportiva, esa historia compartida dá un paso máis e permite ao club reafirmar o seu compromiso co fútbol como motor de desenvolvemento social e como unha ponte entre culturas, impulsando oportunidades reais para novos talentos e fortalecendo a súa presenza global con valores e responsabilidade.

RC Celta

Etiquetas

Novas club Novas destacadas O Club

Noticias recomendadas