
O proxecto “Movilidad Celeste: unha viaxe de ida e volta” do Celta recibiu este xoves un accésit na categoría de empresa privada nos Premios APROEMA, que distinguen iniciativas destacadas en materia de sustentabilidade.
Este recoñecemento reforza a traxectoria do club neste ámbito, na que destaca que o Celta foi o primeiro club de Primeira División en obter a certificación ISO 14001, alcanzada en 2020 e que acredita unha xestión ambiental responsable e rigorosa.
A distinción pon en valor o traballo que o club está a desenvolver para mellorar a mobilidade os días de partido e promover desprazamentos máis sostibles entre a afección. Os 21 autobuses especiais que o Celta habilita en cada encontro, con roteiros por toda Galicia para facilitar a chegada e o regreso desde Abanca Balaídos, xunto coas lanzadeiras da cidade, e coa implicación de penas e afeccionados, están a contribuír a reducir o tráfico na contorna do estadio e a avanzar cara a un modelo de mobilidade máis respectuoso co medio ambiente.
Desde o Celta queremos agradecer a todos os celtistas o seu compromiso cun proxecto que busca diminuír a pegada de carbono e contribuír ao coidado do noso planeta.
*APROEMA creou este galardón en 2012, con carácter bienal, para recoñecer accións públicas e privadas en favor do medio ambiente, impulsar a conciencia ambiental e destacar iniciativas que contribúan á mellora da contorna natural na Comunidade Autónoma de Galicia.
