O RC Celta vese obrigado a suspender a xornada de portas abertas programada para os días 8 e 9 deste mes co obxectivo de que os abonados de Río Baixo puidesen comprobar a comodidade e situación dos seus asentos tras a incorrecta e unilateral actuación realizada polo Concello de Vigo. Esta entidade, lonxe de actuar con prema e dilixencia, comunicoulle esta mesma tarde ao club que a mencionada bancada, xunto á de Río Alto, permanecerá pechada, sen posibilidade de utilización ou visita algunha, desde leste mesmo instante e até o día 17 do presente mes.
Con esta medida anunciada a finais dunha semana na que se comprometeu a emendar as deficiencias, o Concello frustra a iniciativa do RC Celta de facilitar aos abonados de Río Baixo o acceso á bancada para determinar se, por mor da incomodidade ou desaparición dos seus asentos, solicitan un cambio de localización no estadio ou mesmo a baixa co correspondente reintegro do diñeiro do abono. Ademais, o peche da bancada reafirma a postura do RC Celta sobre que as deficiencias de Río Baixo afectan á práctica totalidade dos asentos e non aos pouco máis de 300 recoñecidos polo Concello.
O Concello inhabilita por completo a totalidade da Bancada de Río, tanto Baixo como Alto, para o partido do Memorial Quinocho, polo que nese encontro, que terá lugar o día 10 do presente mes ante a SS Lazio, non terán acceso nin os abonados nin medios de comunicación e deixa tamén no aire a retransmisión televisiva prevista. Ante esta situación, o club non porá de momento entradas á venda para este partido.
O peche da Bancada de Río para o Memorial Quinocho reduce o aforamento do estadio a uns 15.000 asentos e afecta a unha gran porcentaxe da masa social do club.
O club lamenta profundamente o prexuízo que estas medidas do Concello cáusanlles aos seus abonados e solicita de novo que o máis axiña posible se emenden as deficiencias detectadas para que os asentos de Río Baixo dispoñan dunha mínima distancia de separación entre filas que garanta a súa comodidade. Evidentemente o peche dá a razón ao club xa que non se trataba unicamente de pouco máis de 300 butacas.
Estas medidas paralizan ademais as numerosas actuacións que o RC Celta estaba a realizar na bancada para o comezo da nova tempada e os traballos dos distintos provedores para o primeiro encontro de Liga.
Con relación á situación dos abonados de Río Alto e Río Baixo para o partido do Memorial Quinocho, o vindeiro luns o club informará os trámites a seguir.
O RC Celta se reserva, en defensa dos seus abonados, cantas accións estean no seu dereito en aras de protexer os intereses, dereitos e garantías do uso da concesión do estadio e entre eles, dos asentos e comodidades dos seus abonados.