Todo comezou cun simple tweet. Hai dous anos, C. Tangana ofrecíase publicamente en redes sociais ao RC Celta para compoñer o himno do seu centenario. Pero o que moitos pensaron que quedaría en simple anécdota, terminou por converterse en toda unha realidade. Dous anos máis tarde, Pucho cumpre a súa promesa e preséntanos agora “Oliveira Dos Cen Anos”, un novo himno oficial co que o club galego celebra neste 2023 os seus 100 anos ao grande. O artista recibiu desde o principio o respaldo absoluto do club para traballar con total liberdade e o resultado é simplemente espectacular.
No persoal e musical, a vinculación de C. Tangana e a cidade Vigo é calquera cousa menos casual. De pai vigués e celtista de berce, a súa estreita relación artística coa escena Hip Hop e urbana local foi influíndo no devir da súa música desde os seus inicios. Poida que por iso xurdise de maneira tan natural esta persoal carta de amor ao Club, a Vigo e por extensión a toda Galicia. Unha peza da que Pucho desaparece deliberadamente como intérprete, para situarse a cambio á fronte dos labores de composición e produción -apoiado por nomes como Alizzz, pablopablo e Harto Rodríguez- como da parte visual ao dirixir o espectacular videoclip producido Little Spain. Así, e sen necesidade de entoar nin unha soa nota, Pucho convértese en autor total dunha obra que se ve marcada máis que nunca pola súa visión e presenza.
O himno, gravado en Vigo durante a segunda metade deste mes de Marzo, nace despois dunha fase de investigación previa xunto a importantes referentes da cultura galega. As conversacións co escritor Pedro Feijoo e músicos como Rodrigo Romaní, un dos fundadores de Milladoiro, ou Alfredo Dourado, membro doutros clásicos do Folk galego como A Roda, resultaron vitais á hora de iniciar un proceso que culminaría en Vigo, ao empaparse da vibrante escena folk local guiado polo activista cultural Xisco Feijoo e o equipo docente da ETRAD, a escola municipal de música tradicional da cidade. Unha apaixonante viaxe en busca da verdadeira esencia, que resultará na incorporación de recursos rítmicos e elementos do folclore galego – con arranxos de percusión de Xosé Lois Romero e a achega das pandeireteiras Lilaina – e textos saídos de vellas cantigas tradicionais. Con estas vimbias, C. Tangana creou unha obra coral cantada en galego na que artistas vigueses como a emblemática Coral Casabranca, as pandeireteiras As Lagharteiras ou mesmo unha representación da popular pena celtista Tropas de Breogán -coa presenza de Sime, líder do grupo Keltoi!- levan todo o protagonismo. Como xa ocorrese no Madrileño, a súa especial sensibilidade atrapa de novo toda esa enerxía e aparente sinxeleza da música tradicional, para facela sonar de maneira universal con toda a forza e modernidade dos nosos días.
Detrás das cámaras, Pucho redobra a aposta. A súa visión envólvenos nunha incríble colección de postais que nos traslada desde o aire á espectacular paisaxe da ría de Vigo, coa illa de San Simón e o icónico Puente de Rande á fronte. Cunha posta en escena á altura dunha gran produción cinematográfica, a peza pon en imaxes ese encontro entre tradición e modernidade que expón a proposta, sen perder de vista a especial relevancia da muller como eixo central da sociedade galega e a irresistible enerxía da afección celeste.
Co mundo do fútbol inmerso nun cambio de paradigma que parece xa irreversible, o RC Celta chega a este importante aniversario demostrando que soubo adaptarse aos novos tempos. E conscientes da importancia do momento, desta unión entre un club centenario e un dos artistas máis importantes da música española dos nosos días, xurdiu unha das colaboracións máis ambiciosas xamais vistas na historia do fútbol español.